Exposición Lorca, Compostela e os seis poemas galegos

EXPOSICIÓN

LORCA, COMPOSTELA E OS SEIS POEMAS GALEGOS

 O Instituto Rosalía de Castro conmemora a presenza de Lorca en Compostela e os Seis Poemas Galegos cunha exposición, a modo de relato, duns feitos moi significativos dun momento doce da nosa Cultura e do noso País no primeiro terzo do século XX.

 Lorca desprázase a Santiago o 7 de maio de 1932, convidado polo recente creado Comité de Cooperación Intelectual de Compostela, para pronunciar unha conferencia no pazo de San Clemente, o edificio que hoxe alberga o Instituto Rosalía de Castro. Da súa estadía en Compostela quédannos as reseñas da prensa e un retrato realizado por Luís Seoane, estudante de Dereito apaixoado polo debuxo e pola pintura, retrato que será publicado no xornal El Pueblo Gallego, o 10 de maio de 1932.

 Lorca é acollido en Santiago polo Comité de Cooperación Intelectual, ao redor do que pulula un grupo de estudantes e artistas cheos de inquedanzas e de ilusións, entre outros C. Martínez-Barbeito, Luís Seoane, Arturo Cuadrado, C. Maside, L. Manteiga, F. del Riego, R. Carvalho Calero, José Eiroa, Feliciano Rolán e D. García Sabell. Un ramallete de mozos dunha extraordinaria dimensión humana e intelectual. Do grupo que acolle a Lorca dirá C. Martínez-Barbeito: Antes de que todos estos confluyeran en la sede universitaria de Santiago no se había conocido semejante eclosión de entusiasmo, de frenesí y de pasión por las letras, las artes y la política; creo que tampoco ha vuelto a repetirse el fenómeno. (Grial 43, 1974). Neste Comité de Cooperación Intelectual convivían membros da clase política con persoeiros da sociedade civil compostelá como os catedráticos da Universidade Abelardo Moralejo e Ciríaco Pérez Bustamante, e o xove profesor de Dereito Administrativo Feliciano Rolán.

 Lorca queda fascinado pola cidade, polas súas rúas, as súas prazas e polo ambiente que estes mozos lle transmiten. Con eles, interpretando ao piano cancións populares, algunhas delas galegas, pasa unha velada inesquecible no Hotel Compostela onde se aloxa. Lorca na compaña destes

mozos, percorrerá de madrugada as rúas e prazas da cidade, visitará o Café Suízo e o Café Español e, como home de teatro, quedará impresionado pola dimensión escénica de distintos espazos de Compostela, sobre todo das prazas de Praterías e da Quintana, á que xa sempre chamaría plaza-butaca, e onde nunha posterior visita, nese mesmo ano, actuaría o seu grupo de teatro La Barraca.

 Lorca chegaba a Santiago xa cun caldo de cultivo de cultura galega: folclore, música e lecturas, que traía das súas estreitas relacións coa colonia galega en Madrid no entorno da Residencia de Estudantes. Bal y Gay, Guerra da Cal, Serafín Ferro e tamén Valle Inclán e máis tarde Blanco Amor que incluso o visitará en Fuente Vaqueros, estaban entre os seus interlocutores preferidos.

 Lorca volve a Madrid, case fascinado pola cidade e polo grupo de estudantes que o acolleu. Envíalles libros dedicados e mantén sobre todo con C. Martínez-Barbeito unha relación epistolar intensa e familiar. Nunha primeira carta do 29 de maio de 1932, poucos días despois da súa estadía en Santiago di textualmente: Recuerdo con verdadero encanto los días de Santiago y la alegría de ese grupo de amigos a quienes no olvido y espero ver muy pronto. En carta posterior ao mesmo Martínez-Barbeito insiste: Saluda a Maside y anímalo para que siga pintando. Saluda a todos con verdadero cariño. Recibí una cordial tarjeta de Manteiga. Cuando pases por la plaza-butaca, déjame un pequeño sitio para mí. Ya estaremos al corriente para el homenaje a Rosalía. Inmediatamente despois da visita a Santiago a prensa tamén se fai eco das consecuencias desta visita: tendrá muy gratas derivaciones pues tan genial poeta se propone escribir un poema sobre asuntos gallegos e tamén organizar un gran homenaje a Rosalía como recolle o xornal El Pueblo Gallego en maio de 1932. A primeira destas intencións vai cristalizar nos Seis Poemas Galegos coa colaboración de Ernesto Guerra da Cal como incitador e dicionario vivente e de Eduardo Blanco Amor como depositario dos manuscritos e prologuista, e evidentemente con Anxel Casal como editor. Poemas publicados o 27 de decembro de 1935, hai agora 75 anos.

A emoción desta viaxe a Galicia, especialmente a Santiago así como os propósitos de Lorca á súa volta a Madrid son confirmados polo seu amigo máis próximo naquel momento, Ernesto Guerra da Cal, que nun texto inédito di: Falou-me de Seoane, de Maside, de Arturo Cuadrado, de Feliciano Rolán,

e especialmente de Carlos Martínez-Barbeito. Disse-me nessa altura que ele queria corresponder a todas as amabilidades e gentilezas que aquele grupo de Santiago……Esses poemas seriam a resposta lírica a esse grupo de homes e rapazes que lhe tinham tornado a sacra Compostela uma verdadeira revelaçâo, poéticamente deslumbrante, Os Seis Poemas Galegos de Federico García Lorca, libro inédito de Guerra da Cal. Confirmación que lle debemos ao extraordinario traballo de investigación de Joel Gómez, A trajectória de Ernesto Guerra da Cal nos campos científico e literario, Tese de doutoramento editada na USC.

O papel de Ernesto Guerra da Cal nestes feitos é de primeira importancia. El colaborará con Lorca como dicionario vivente na elaboración dos Seis Poemas Galegos e cinco deles son manuscritos de Ernesto. O ferrolán Guerra da Cal foi un dos máis grandes amigos de Lorca, e é un auténtico personaxe de novela. Nace en Ferrol en 1911, de avó italiano, orfo de pai moi cedo, críase en Quiroga coa súa familia materna e aos 10 anos márchase para Madrid onde se desprazara a súa nai, á morte de seu home, para estudar Maxisterio. O pai de Guerra da Cal licenciouse en Medicina en Santiago e foi un dos grandes amigos de Castelao na súa época universitaria. Guerra da Cal realiza os estudos de secundaria no Instituto San Isidro en Madrid, e inicia Arquitectura, que posteriormente abandonará pola carreira de Letras na Universidade Central. Guerra da Cal participa intensamente na vida social e cultural de Madrid. Entrará en relación con Lorca, do que será un dos seus mais íntimos amigos, con Buñuel, Dalí etc. Será tamén, coa súa planta de galán, un dos principais protagonistas dun dos grupos de teatro máis de moda no dinámico mundo cultural do Madrid dos anos trinta, o Club Anfistora que creara Pura Maortúa de Ucelay e na dirección do cal colabora activamente Lorca.

 Outro personaxe galego co que Lorca ten estreita relación en Madrid é Valle Inclán que incluso acompañará a Lorca e a Pura Maortúa durante os ensaios de Yerma antes da súa estrea.

Ernesto Guerra da Cal casará en primeiras nupcias cunha compañeira de estudos e de teatro, Margarita Ucelay Maortúa, filla de Pura Maortúa. Margarita Ucelay, que aínda vive na actualidade en Madrid, é unha das grandes especialistas en Lorca e irmá doutra gran intelectual, Matilde Ucelay que faleceu en 2008 con 96 anos. Matilde, a primeira muller que cursou Arquitectura en España, acadou o Premio Nacional de Arquitectura en 2004. Despois da guerra, Ernesto exiliarase en Nova Iorque e seguirá a súa extraordinaria carreira sendo catedrático das universidades New York University e City University of New York onde compartirá aulas con Einstein e

Severo Ochoa.  Renunciará á súa carreira de actor de Hollywood que o seu amigo Buñuel lle propoñía e convertirase nun especialista de recoñecido prestixio nas linguas ibéricas, chegando a ser o máis grande experto en Eça de Queirós coa súa tese, Lingua e estilo de Eça de Queiroz; coordinará a edición dun Diccionario Inglés-Español, publicará con Margarita Ucelay Literatura del siglo XX e tamén poesía de alta calidade en galego, castelán, portugués e inglés. Morre en Portugal en 1994 e está enterrado en Lisboa.

A día de hoxe, Ernesto Guerra da Cal é un gran descoñecido en todo o Estado Español, non así en Portugal e outros países como Brasil e EE.UU., onde goza de gran prestixio, e o seu fillo Enric Ucelay Da Cal é un brillante catedrático de Historia Contemporánea da universidade Pompeu Fabra de Barcelona.

Se a colaboración de Guerra da Cal foi fundamental para a elaboración dos Seis Poemas Galegos, a de Eduardo Blanco Amor non o foi menos para a súa publicación. Blanco Amor coñece a Lorca a través de Guerra da Cal que llo presenta en Madrid en 1933 e manterá con el unha estreita relación como atestiguan a súa correspondencia e mesmo as estadías de Eduardo en Fuente Vaqueros.

En 1933, Blanco Amor xa era un home coñecido tanto no mundo cultural galego como español. Dende moi novo empezara a traballar no Diario de Orense e aos 22 anos, en 1919, emigrará a Arxentina onde desenvolverá unha extraordinaria labor cultural. En 1925 empeza a colaborar nun dos xornais máis prestixiosos de Arxentina, La Nación. En 1928 publica o seu primeiro libro, Romances Galegos, que máis tarde enviaría a Federico García Lorca.

En 1929 realiza unha viaxe a Galicia e outra nova en 1933, as dúas como corresponsal de La Nación. Na primeira viaxe contactará con Castelao e co Partido Galeguista e tamén cos membros da Xeración Nós. Na segunda entrará en relación cos círculos intelectuais de Madrid. Por estas datas coñecerá a Lorca, Guerra da Cal, Dalí e Alberti e traballará como redactor-xefe da revista madrileña La Ciudad. En !935 volverá a Arxentina e converterase nun escritor de recoñecido prestixio, primeiro en español coa Catedral y el niño e Chile a la vista e despois en galego con A Esmorga e Xente ao lonxe. Antes do seu retorno a Arxentina convencería a Lorca para que lle confiase os manuscritos dos Seis Poemas Galegos que el entregaría a Anxel Casal, e este publicaríaos o 27 de decembro de 1935 con prólogo de Blanco Amor.

Eduardo Blanco Amor morre en Ourense en 1979.

Con esta exposición pretendemos contribuír ao relato duns feitos moi importantes tanto para o Instituto Rosalía de Castro como para a cidade de Santiago ou para a nosa cultura. Resaltaremos a importancia da estadía de Lorca en Santiago en maio de 1932, punto de partida da elaboración dos Seis Poemas Galegos, recordaremos a decidida implicación de Blanco Amor e Anxel Casal nesta publicación e finalmente a importancia dese extraordinario e incontornable personaxe que é o ferrolán Ernesto Guerra da Cal, dicionario vivente e incitador deste poemario en lingua galega.

 

Boletín de Novas

Suscríbete ao noso boletín de novas e mantente informado ao momento.

Contacta con nós

Nuestros datos de contacto son los siguientes:.

O Rosalía nas Redes Sociais

Estamos en las redes sociales. Síguenos!.
Vostede está aquí: Inicio Novas e Eventos Exposición Lorca, Compostela e os seis poemas galegos